10 may. 2009

Os Sacapenas para Gaza nos Medios

Publicado no seu blog o xoves 7 de maio de 2009

Onte, alumnado e profesorado do noso centro presentamos ante distintos medios de comunicación a iniciativa "Sacapenas para Gaza".

Xan Morales, de RadioFusión, convocounos o martes ás 11.30 na Casa do Concello de Fene pois según el "Unha iniciativa tan fermosa hai que dala a coñecer".

Cando chegamos a nosa sorpresa foi enorme xa que alí estaban a xefa de prensa do alcalde, Pitusa de RadioFusión, as cámaras de Localia TV, fotógrafos... en fin todo un despliegue de medios aos que, temos que confesar, non estamos acostumados, pero o motivo pagaba a pena.

Contamos como unha iniciativa, que xurdira no CEIP A Rúa, se espallara a través das Bibliotecas Escolares por distintos centros de Galicia. Como foi acollida no noso centro e os pasos que seguimos para a elaboración dos bonecos onde non só se implicaron profesorado e alumnado senón tamén as familias.

Para nós foi todo un orgullo e moi emocionante escoitar a Laura e Roberto, alumnos de 2º e 4º de ESO, contar o que supuxo para eles esta experiencia. Laura expresou o seu desexo de que se volvera a repetir "xa que é un bonito xeito de que os nenos e nenas aos que van destinados estes bonecos sintan o noso cariño", mentres que para Roberto foi "Unha iniciativa que permitía ofrecerlle a nenos e nenas que están a vivir nunha época difícil a oportunidade de xogar, algo que para nós forma parte da normalidade, pero que no seu caso é un luxo case inalcanzable"

O noso alcalde Iván Puentes, alabou o traballo que se está a desenvolver dende o noso centro "que está á vangarda na formación non só académica, senón tamén na formación de persoas solidarias e comprometidas" e engadiu "Estas experiencias que valen para formar veciños e veciñas solidarios contarán sempre co apoio do Concello"

Hoxe a noticia aparece recollida en distintos medios.
RadioFusión
Fene Cidadán
Diario de Ferrol
La Voz de Galicia

Esta semana intentaremos achegarvos o documento sonoro dende Radio Barullo.

(Actualizado o venres 8 de maio)
En Radio Barullo xa tedes á vosa dispoción esa gravación prometida.

Dende O Segrel do Penedo queremos agradecer a Xan Morales que fixera posible esta fermosa presentación en "sociedade" dos nosos Sacapenas.

1 comentario:

  1. Sen palabras, emocionante!!
    Un bico dende Cangas

    ResponderEliminar